Campamentos de Verán

CAMPAMENTOS DE VERÁN AS CORCERIZAS
Ofrece unha boa alternativa e verás cambiar o mundo

Todas as actividades que se desenvolven nos Campamentos de As Corcerizas adáptanse aos diferentes grupos de idades e son escollidas e organizadas para adquirir, ademais de novos coñecementos, actitudes e capacidades como psicomotricidade, cooperación, respecto mutuo, coordinación, socialización, imaxinación, axilidade física e mental; enfocadas sempre baixo unha perspectiva educativa á vez que lúdica.

O feito de que o Centro sexa pioneiro en Galicia e referente a nivel estatal no uso das enerxías renovables para o seu autoconsumo, no eido da bioconstrución, e no tratamento alternativo de residuos, fai obrigado que os/as rapaces/zas participen nunha Aposta contra o Cambio Climático ao longo de todo o Campamento, a través de dinámicas e xogos.

Comezando coa Visita interpretativa polas instalacións, comprenderán os problemas que se derivan do cambio climático, á vez que coñecen as alternativas para vivir dun xeito máis sostible sen renunciar aos niveis de benestar acadados ata o de agora.

Farán unha observación directa do funcionamento, viabilidade e análise das consecuencias do uso das distintas enerxías alternativas que autoabastecen o Centro de As Corcerizas: microturbina, placas solares térmicas e fotovoltaicas, aeroxerador, caldeiras de biomasa e eléctrica, instalación de almacenamento e distribución de enerxía. Nalgúns casos serán os propios participantes os que poderán pór en marcha mecanismos, facer medicións e controlar os parámetros da enerxía que se está xenerando ao seu ao redor e que aporta a electricidade e a calor da que se dispón nas instalacións.

Campamentos en As Corcerizas Campamentos en As Corcerizas
Visita polas instalacións e xogos cooperativos

A Serra de San Mamede resulta un enclave natural excepcional para coñecer a natureza e os recursos do singular Macizo Central Ourensán. Crearase un grupo de “auténticos exploradores” facendo Excursións e Actividades prácticas no campo: plantacións, rastrexos, estudos de biodiversidade, topografía e orientación, saídas prácticas sobre paisaxe, xeoloxía, edafoloxía, …

A ubicación do Centro e a súa proximidade con varios pobos típicos da montaña galega brindaranos a oportunidade de disfrutar de diferentes Roteiros e actividades etnográficas . Acompañados polos seus/súas actuais poboadores/as, os/as rapaces/zas visitarán elementos patrimoniais singulares, muíños de auga, fornos comunais, pobos abandonados,… descubrindo os oficios, apeiros de labranza, arquitectura tradicional, lendas e tradicións a día de hoxe vixentes.

O amplo coñecemento dos habitantes sobre usos e aproveitamentos das plantas, cestería, teares, apicultura… farán dunha labor xa case esquecida para eles, unha experiencia inesquecible para os participantes.

Campamentos en As Corcerizas Campamentos en As Corcerizas
Roteiro polos arredores e obradoiro de cestería

Os Obradoiros son a fórmula ideal para adquirir xogando, novas habilidades e coñecementos. Contamos cunha ampla oferta:

Un bo e necesario complemento dentro da programación son as Actividades de animación, lecer e deporte. A través delas os/as participantes desenvolven e adquiren actitudes, aptitudes e capacidades tales como: psicomotricidade, cooperación, respecto mutuo, coordinación, socialización, imaxinación, axilidade física e mental…

Xogos, dinámicas de grupo, cancións do mundo, astronomía, deportes alternativos, xogos tradicionais galegos, xogos acuáticos, ping-pong, volley ball, danzas do mundo…

Campamentos en As Corcerizas Campamentos en As Corcerizas
Baño no río Arnoia e actividades deportivas

E como non, tamén veladas nocturnas, festas temáticas, noites de terror…