Campamentos de verán 2005

información resumida | información ampliada
AVENTURA ECOLÓXICA:
centro de educación ambiental “AS CORCERIZAS”
O Centro de Educación Ambiental “As Corcerizas”, situado en plena Serra de San Mamede (Ourense), preséntase ante as Entidades Locais como unha oportunidade única para dar a coñecer, de xeito vivencial, a realidade das enerxías renovábeis e as máis innovadoras técnicas de bioconstrución e arquitectura bioclimática.

O feito de estar localizado dentro do Macizo Central Ourensá (proposto pola Xunta de Galicia como Lugar de Interese Comunitario na Rede Natura 2000), brindará aos participantes a oportunidade de mergullarse neste entorno natural excepcional e aprender disfrutando da natureza, os recursos e habitantes desta singular paraxe.

Na actualidade está xestionado pola asociación “Amigos da Terra”, que é unha ten como obxectivo principal o estudio e defensa do medio ambiente e que está profundamente vencellada a Amigos de la Tierra Internacional (Friends of the Earth International), entidade da que forma parte activa.

A súa longa traxectoria en temas de educación, formación, animación e divulgación, aportan a confianza necesaria que garante un campamento de alta calidade; onde os participantes van a adquirir coñecementos e actitudes de xeito informal, que os capacitarán para vivir con coherencia e respecto nunha sociedade de futuro.

INSTALACIÓNS
O Centro de Educación Ambiental “As Corcerizas” conta con 4 edificios principais independentes integrados no ecosistema forestal da serra: aulario, casa das enerxías, albergue e comedor. Ademais dispón de varias construcións complementarias.

  • Aulario: Con arquitectura bioclimática e de bioconstrución que garante a total comodidade dos participantes. Posúe unha superficie de 80 m2.
    A aula está equipada con mobiliario docente para máis de 30 participantes, ademais dos elementos auxiliares necesarios e medios audiovisuais.
  • Comedor: Construído tamén con criterios e materiais de bioconstrución. Dispón de mobiliario necesario para ofrecer servizo ate 80 persoas. Ademais, presenta unha sala multiusos–comedor superior a 50 m², aseos diferenciados por sexos e outro aseo con adaptación para persoas con discapacidade, sala de reunións,
    oficina, cociña industrial, despensas, almacén e cheminea.
  • Datos do albergue: Reformado con criterios e materiais de bioconstrución, con capacidade para 40 persoas (2 camas adaptadas para persoas con discapacidade).
    Dispón de aseos con lavabos, retretes e duchas, diferenciados por sexos, e outro adaptado para discapacidados.
    Ademais, presenta un salón comunitario con cheminea, unha cociña de uso comunitario, unha enfermería e recepción. Dispón de calefacción en todas as habitacións.
  • Casa das enerxías: Nela centralízanse todos os sistemas de producción e
    distribución enerxética compostos por paneis de control, 144 baterías
    estacionarias, colectores de auga quente sanitaria, caldeira de biomasa, placas
    solares térmicas e fotovoltaicas e grupo electróxeno.

    Outras construcións:
    • Turbina.
    • Potabilizador con diversos sistemas de regulación.
    • Encoro.
    • Aeroxerador.

EQUIPO TÉCNICO
Dacordo co Decreto 50/2000, as nosas actividades desenvolveranse cun ratio de polo menos 1 monitor por cada 10 participantes, un director e, un socorrista titulado cando a actividade o requira. Cumprindo coas esixencias legais, o equipo educativo está constituído por persoal titulado acreditado en materia de medio ambiente, educación, ocio e tempo libre, que conta cunha ampla experiencia en campamentos, campos de traballo, actividades extraescolares, educación ambiental, etc.

Ademais, para o bo funcionamento das instalacións, contamos con persoal de cociña, mantemento e limpeza.

ACTIVIDADES dos CAMPAMENTOS DE VERÁN 2005
Todas as actividades adáptanse aos diferentes grupos de idade e son escollidas e organizadas para desenvolver e adquirir actitudes e capacidades como psicomotricidade, cooperación, respecto mutuo, coordinación, socialización, imaxinación, axilidade física e mental e, por suposto, tamén para aprender.

As actividades do campamento están enfocadas sempre baixo unha perspectiva educativa á vez de lúdica. Dispomos dunha ampla oferta de actividades que detallamos a continuación. Se nos manifestan algunhas preferencias, poderemos confeccionar un programa específico adaptado a elas.

    Listado de actividades:Educación Ambiental: Estaremos en plena Serra de San Mamede, un enclave natural excepcional para coñecer a natureza e os recursos do singular Macizo Central Ourensán no que se nos brinda a posibilidade de realizar actividades para disfrutar aprendendo e valorando o medio ambiente.

    Os participantes terán a singular oportunidade de usar, durante toda a súa estancia, enerxías renovables e poderán comprobar como funcionan. Faremos moitas actividades para estudar a riqueza de animais e plantas e temos a seguridade de poder ver os cervos e corzos que hai na Reserva ó noso carón, avistar as distintas especies de aves, investigar as pegadas dos animais nocturnos, …

    Actividades de animación, lecer e tempo libre: Ducias de xogos, dinámicas de grupo, cancións do mundo, astronomía, deportes alternativos, veladas nocturnas e festas temáticas constitúen o corazón do campamento.

    Aire libre: Faremos moitas actividades ao aire libre, explotando o óptimo entorno que temos o noso carón. Haberá actividades de sendeirismo, orientación, rastrexo, acampada (cando o tempo o permita) e a posibilidade de bañarse no río Arnoia.

    Visitas e actividades etnográficas: A nosa proximidade a varios pobos típicos da montaña galega e outros elementos patrimoniais singulares, brindaranos a oportunidade de visitar, acompañados moitas veces polos seus actuais ou pasados poboadores, muíños de auga, fornos comunais, pobos abandonados, …; descubrindo os oficios, apeiros de labranza, arquitectura tradicional, lendas e tradicións, etc.

    Obradoiros: Un bo xeito de sacar a luz a destreza que todos levamos dentro.
    Realizaremos todo tipo de traballos manuais. Estas son algunhas das posibilidades:
    xogos e xoguetes de refugallo, caixas niño, comedeiros para paxaros, bixutería natural, papiroflexia, papel maché, barro, abalorios, papel reciclado.

VANTAXES DOS NOSOS CAMPAMENTOS

    • Somos unha entidade sen ánimo de lucro, polo que noso obxectivo non é o rendemento económico senón o de realizar unha actividade de calidade onde os obxectivos educativos son, xunto co máximo nivel de disfrute dos participantes, a maior prioridade.

    • Unha das nosas máximas vantaxes é a transparencia, polo que previa solicitude, poden visitar o Centro e comprobar persoalmente as características da instalación e seu equipamento antes de contratar o servizo.

    • Se o desexan podemos concertar unha charla de presentación aos pais ou promotores co equipo técnico, que exporá as características do campamento (actividades, horarios, menú, normas básicas, prendas e útiles recomendables…), resolvendo calquera dúbida.

    • Durante toda a súa estancia os participantes estarán cubertos cun seguro de responsabilidade civil e de accidentes recibindo atención permanente por parte do equipo técnico.

    • O emprazamento das instalacións e zonas de actividades garanten o benestar e a seguridade dos participantes, ao poder respirar o aire puro da Serra, refrescarse nas límpidas augas dos cumios das montañas, afastándose da múltiple contaminación das cidades e grandes vías de comunicación.

    • Na medida do posible, os alimentos frescos consumidos diariamente procederán de cultivos biolóxicos da zona, seguindo criterios de sostibilidade e desenvolvemento rural.

    • Ao longo de todo o campamento haberá avaliacións internas do equipo de monitores e avaliacións conxuntas cos participantes, coa finalidade de observar o cumprimento dos nosos obxectivos educativos, o grao de incorporación dos coñecementos transmitidos e o nivel de satisfacción e benestar dos participantes.• Unha vez rematado o campamento, faráselle entrega á Entidade contratante dun informe co resumo das actividades levadas a cabo, unha avaliación final global e un CD con material gráfico.

PARTICIPACIÓN

  • A nosa oferta de campamento está dirixida a rapaces de 8 a 14 anos.
  • O número máximo de participantes é de 40 nenos por campamento. Se a entidade promotora quixera amplialo, estudiaríamos o xeito de facelo.
  • Os campamentos desenvolveríase ó longo de 8 días durante os meses de xullo e agosto.

TARIFAS
O custe total do campamento é de 160 euros por participante.

  • O prezo inclúe:

    • Manutención (almorzo, xantar, merenda e cea).
    • Aloxamento.
    • Persoal técnico. Monitores. Ratio: 1 monitor/10 participantes.
    • Programación diaria atendendo ás necesidades e intereses do grupo.
    • Gastos de programación e xestión.
    • Auga quente.
    • Material para a realización das actividades.
    • Uso e desfrute das instalacións.
    • Seguro de Responsabilidade Civil.


    NOTA: Os participantes terán que traer saco de durmir, traxe de baño, toalla e chanclas.

  • Observacións:
  • • O prezo non inclúe IVE (o IVE aplicable é do 7 %).
    • No caso de que algún participante tivera que abandonar o campamento antes de finalizar este, non terá dereito a devolución total nin parcial da inscrición.
    • En caso de anulación do campamento por parte da Entidade contratante, devolverase a fianza sempre e cando a suspensión se notifique antes do 5 de xuño.
    • Se por algunha causa maior Amigos da Terra ten que pospor ou suspender o campamento, efectuarase o abono da inscrición aos participantes; quedando a entidade exenta de realizar calquera tipo de indemnización.


INSCRICIÓN

  • As Entidades interesadas deberán poñerse en contacto con Amigos da Terra para cubrir as fichas de preinscripción e abonar a fianza antes 25 de maio de 2005.
  • Para contactar con Amigos da Terra dirixirse a:
      Correo postal: Amigos da Terra. Rúa Curros Enríquez 19, 1º interior 32003 Ourense.
      Teléfono: 988 374 318
      Fax: 988 511 020
      Correo electrónico: info@ascorcerizas.com

Para máis información sobre as instalacións poden consultar esta mesma páxina web nos seus distintos apartados: www.ascorcerizas.com
Poden dispor desta información en formato PDF:

Poden enviar esta información por correo electrónico a unha Entidade a quen poidera interesar.