Plantación de árbores froiteiras en Vilar de Barrio

O pasado martes, día 24, voluntarios de Amigos da Terra en colaboración con alumnas/os do CEIP de Vilar de Barrio, realizaron na zona das Piscinas desta localidade unha plantación de árbores froiteiras correspondente á campaña de “doazón de sangue” do pasado verán en Ourense.

plantacion_vilardebarrio-02.jpg

Antes de comezar a plantación, os nenos permaneceron moi atentos ás explicacións das voluntarias/os de Amigos da Terra sobre as utilidades e usos das árbores, tales como que se converten en botellas de osíxeno diúrnas, diminúen a contaminación química atmosférica, son refuxio de aves, almacén de roedores, dormitorio de curuxas ou a súa capacidade para reter o solo en situación de fortes ventos e riadas, evitando así a súa perda.

plantacion_vilardebarrio-01.jpg

Posteriormente, comezou a parte práctica, e os nenos dispuxéronse a plantar as árbores guiados polas explicacións dos voluntarios. Finalmente, plantáronse 10 árbores froiteiras, entre maceiras, pereiras, ameixeiras, cerdeiras e pexegueiros.

Con este tipo de actividades preténdese implicar aos máis pequenos no coidado do seu entorno, recordándolles o importantes que son as árbores para nós e a cantidade de servizos fundamentais  que realizan para a vida do planeta.

Aquí podedes ver o vídeo que gravou a TVG sobre a plantación.

Os comentarios están fechados.