Boa parte dos edificios públicos mugardeses empregarán a enerxía solar para autoabastecerse

Fonte: Mugardos.org :: Martes, 3 de Febreiro do 2004
Nota de prensa enviada polas Concellerías de Medio Ambiente e Emprego.

“As Concellerías de Medio Ambiente e Emprego do Concello de Mugardos comunican que se acaba de presentar, ao abeiro das subvencións que outorga a Xunta de Galiza para proxectos de enerxías renovábeis, unha serie de proxectos consistentes na instalación de placas de captación de enerxía solar en diversos edificios públicos de Mugardos, como son a Casa do Concello, o Colexio de Catro Camiños, o Centro de Formación das Lagoas, a escola de San Xoán de Piñeiro e a Casa da Cultura, ademais do paseo marítimo. Todos eles autoabasteceranse de enerxía eléctrica, que irá destinada á iluminación. Ademais, producirase auga quente sanitaria no Centro de Saúde, Colexio de Catro Camiños, Pavillón Polideportivo Municipal, Centro de Formación das Lagoas, escola de San Xoán de Piñeiro, Casa da Cultura e Escola de Apelón.

O importe do proxecto é de 372.155,52 €, dos cales son subvencionábeis pola Consellería de Industria o 40%. Outro 40%, o que representa a man de obra, prevese obter do obradoiro de emprego de enerxías renovábeis, que vai solicitar en marzo a Concellería de Emprego, dirixido a desempregados maiores de 25 anos. En principio prevese pedir uns 30 alumnos, que recibirían durante un ano o 150% do salario mínimo interprofesional. Deste xeito, a aportación municipal final será dun 20% do orzamento, o que corresponde á obra civil, único capítulo non subvencionábel.

O excedente de enerxía venderase a Fenosa, que ten a obriga de o adquirir e incorporar á rede. Deste xeito, en pouco tempo prevese amortizar o investimento e xerar ingresos para o Concello.

O carácter novidoso desta iniciativa, que na provincia da Coruña só se ten desenvolvido nas Pontes, fainos albergar moitas esperanzas de que reciba o visto e prace da Xunta, e demostra o compromiso que ten o goberno municipal tanto coa producción de enerxía limpa, por unha banda, como co emprego, a través do obradoiro correspondente.”

Asdo.: Moisés Rivadulla e Evaristo Deus
Concelleiros de Medio Ambiente e Emprego

Os comentarios están fechados.