Na primeira fin de semana As Corcerizas exerceu de escola de Educación Ambiental para un grupo das Xuventudes Socialistas de Galicia, na que, ademáis de coñecer as instalacións, tamén exploraron o entorno cun roteiro interpretativo ambiental e etnográfico pola serra. Durante os tres días de actividades se trataron temas como a problemática dos lumes en Galicia, ou a importancia que ten que todos aprendamos a consumir responsablemente, incorporemos cada vez máis á nosa cesta da compra productos de comercio xusto, e valoremos a importancia dunha alimentación saudable.

A seguinte fin de semana estivo máis adicada á ciencia e a conservación, coa participación dun grupo de xente,que atraída pola celebración da Semana da Ciencia en Galicia, disfrutou da práctica dun anelamento científico de aves dirixido por aneladores profesionáis e varios colaboradores da Sociedade Galega de Historia Natural.

Tamén os colexios unitarios de Vilar de Barrio, Baños de Molgas e Sarreaus se achegaron para participar dunhas xornadas de coñecemento e revalorización do entorno á vez de reforzar a cooperatividade e a interrelación coa poboación máis próxima. Cunha perspectiva educativa á vez que lúdica, os/as escolares puideron asimilar novos coñecementos e habilidades.

Outra temática que tratamos en As Corcerizas durante este mes foi a problemática da Xestión de residuos en Galicia. Un grupo de persoas do Concello de Piñor comprobou in situ a viabilidade dunha xestión alternativa de residuos sólidos e das augas residuais, seguindo o exemplo que se leva a cabo no Centro. A actividade, dirixida pola responsable de residuos de Amigos da Terra, resultou unha experiencia enriquecedora gracias ás numerosas aportacións e ao interese mostrado pola xente; e tamén práctica, coa elaboración dun vermicomposteiro doméstico.
