Programa de educación ambiental para escolares: Sentir, Coñecer, Actuar

Propostas de diferentes xornadas temáticas:
Unha aposta contra o cambio climático:

O Centro de Educación Ambiental As Corcerizas é pioneiro en Galicia e referente a nivel estatal no uso das enerxías renovables para o seu autoconsumo, no eido da bioconstrución, e no tratamento alternativo dos residuos. A través dunha visita práctica e vivencial polas instalacións, os/as participantes comprenderán os problemas que se derivan do cambio climático, á vez que coñecen as alternativas para vivir dun xeito máis sostible sen renunciar aos niveis de benestar acadados ata o de agora.

Obxectivos:

Propostas:

1. Enerxías Renovables
2. Bioconstrución e Arquitectura Bioclimática
3. Xestión e Tratamento alternativo de residuos

Destinatarios/as: a partir de 5º de Primaria

1. Enerxías renovables
Despois dunha posta en común sobre o que son, principios básicos, vantaxes e desvantaxes… das enerxías renovables frente ás convencionáis, comprobarán o funcionamento, viabilidade e análise das consecuencias do uso das distintas enerxías alternativas que autoabastecen o Centro de As Corcerizas: microturbina, placas solares térmicas e fotovoltaicas, aeroxerador, caldeiras de biomasa e eléctrica, instalación de almacenamento e distribución de enerxía. Nalgúns casos serán os propios participantes os que poderán pór en marcha mecanismos, facer medicións e controlar os parámetros da enerxía que se está xenerando ao seu arredor e que aporta a electricidade e a calor da que se dispón nas instalacións.

As actividades levan asociadas unha serie de obradoiros e xogos en función das idades e número de participantes, que se postulan como a fórmula ideal para aprender, xogando, novas habilidades e coñecementos.

2. Bioconstrución e Arquitectura Bioclimática
As/os participantes descubrirán a utilidade de coñecer os criterios e técnicas utilizados en Bioconstrución e na Arquitectura Bioclimática e as vantaxes da súa aplicación na vida real. Coñecerán novos materiais non contaminantes nin tóxicos, a posibilidade de empregar outros reutilizables e reciclables, e o respeito pola cultura popular. Poderán analizar os criterios paso a paso, seguindo o exemplo de construción sostible do propio Centro de As Corcerizas.

3. Xestión e Tratamento Alternativo de Residuos
O exceso actual na xeración de residuos fai cada vez máis difícil a súa xestión. A través dunha serie de actividades e obradoiros, os/as participantes empezarán a asimilar conceptos como o de Consumo Responsable e Prevención de residuos. Comprobarán “in situ” o tratamento alternativo que se lle da aos residuos sólidos a través da compostaxe e a vermicompostaxe, tendo a posibilidade de construír o seu propio vermicomposteiro doméstico e coñecer as vantaxes e inconvintes das diferentes técnicas. Tamén as augas residuais do Centro teñen un tratamento biolóxico e innovador en Galicia, xa que son depuradas nunha balsa de plantas acuáticas da familia das Macrofitas. Aprenderán os pasos da súa construción e funcionamento, xa que este proxecto se levou a cabo, por primeira vez, a través de voluntariado.

[Voltar]