Programa de educación ambiental para escolares: Sentir, Coñecer, Actuar
Propostas de diferentes xornadas temáticas:
Coñecemento Científico do Medio Natural para a súa Conservación
Grazas a investigación e ao desevolvemento, podemos aplicar novos coñecementos científicos en diversidade de ámbitos. Unha aplicación de grande importancia, dado o crecente estado de deterioro do medio, é a utilización da base científica para a conservación do mesmo a través do seu coñecemento.
A nosa proposta pretende achegar as prácticas e coñecementos científicos, moitas veces relegados a un sector reducido, á nosa vida cotiá.
Unha fórmula atractiva e diferente de espertar a nosa curiosidade, é mostrar de xeito práctico e vivencial o aspecto empírico da ciencia en plena natureza.
Obxectivos:
- Revalorizar a importancia do coñecemento científico para a realización de actuacións conscientes, coherentes e sostibles
- Evidenciar que só se protexe/conserva o que se coñece, e para coñecer é moitas veces necesario ter unha base científica
- Espertar a curiosidade das/dos participantes mediante comprobacións empíricas, potenciando a imaxinación, a axilidade mental e a capacidade de crítica
- Familiarizar ás/aos participantes coa metodoloxía científica que se está aplicando para o coñecemento do medio, dunha forma lúdica e sinxela.
- Facer conscientes ás/aos participantes das problemáticas ambientais e da necesidade de conservación, fortalecendo ou creando unha conciencia ambiental
- Dar a coñecer o ecosistema de montaña galego
Proposta:
A nosa proposta consiste nunha serie de xornadas dun día nas que, mediante a análise e medición científica de parámetros, manexo de datos, experimentos, obradoiros, xogos…, feitos “in situ” e polos propios participantes, se pretende a consecución dos obxectivos expostos.
Despois dunha breve explicación da importancia da metodoloxía científica para a obtención de información sobre o medio, levaremos a cabo a recollida de datos mediante a aplicación de protocolos específicos.
Para favorecer a participación de todas/os os integrantes do grupo e representar a aplicación da metodoloxía científica, faremos grupos de traballo que abranguen as seguintes temáticas: flora, fauna, solo, auga e atmósfera.
En función da idade, coñecementos previos e as posibilidades climatolóxicas do día, realizaremos as actividades que consideremos máis oportunas e unha serie de experimentos en relación con cada unha das temáticas.
A segunda parte da xornada se adicará á posta en común e obtención de conclusións. Cada grupo explicará a metodoloxía aplicada e exporá os datos obtidos ao resto das/os participantes. Mediante exemplos, as explicacións dos/as monitores/as e xogos cooperativos de reforzo de contidos (rastros e sinais, residuos, sons da natureza e contaminación acústica, cadea trófica…), obteremos as conclusións e relacionaremos a importancia do traballo feito coa busca de solucións para a mellora do entorno e a súa conservación.
Destinatarios: a partir de 6º de Primaria
[Voltar]