Andaina reivindicativa pola defensa do Bidueiral de Montederramo
Sendas empedradas, paisaxes encantadoras e enerxías alternativas, acompañáronnos nesta II Andaina reivindicativa.
Sábado
Un pequeño percorrido entre as ruelas e prados de Rebordechao, trasladounos ata unha vida pasada onde, con exemplar sabiduría e respecto, os veciños deste pobo serrano aproveitaban os recursos que lle ofrecía a natureza.
Acompañados polos propios poboadores e desfrutando coa súa simpatía coñecemos:
- O colmear comunal. Alí puidemos apreciar a diferencia entre os métodos e materiais artesanais e modernos.
- A forxa de Pepe. Ferro candente ao vivo quentado polo carbón fabricado por eles mesmos anos atrás.
- O muiño da abelaira, capaz de moer a día de hoxe.
- A taberna do Pepe, onde uns ricos pinchiños de chouriço nos esperaban á hora do xantar.
A incomparable beleza do estreito camiño entre carballos, castiñeiros e os imponentes cumios das serras, compensou o esforzo da subida pola cara sul de San Mamede.
Xa sabedes, sobre a clasificación da dificultade das rotas, falar con Santos
Logo de coñecer de perto a bioconstrución e o funcionamento con enerxías renovables do Centro de As Corcerizas, chegou o licor café, a queimada e a música das gaitas… e á mañá seguinte
Domingo
… subida ata o alto de San Mamede, 1619 m de altitude.
Baixamos pola cara norte da Serra e entre o manto de espesa de neve e un sol case primaveiral, fómonos adentrando no Bidueiral de Montederramo…
As verxas do cercado cinexético no interior do cal se atopa este espazo declarado de interese comunitario (LIC) dentro da Rede Natura 2000, foron atravesadas por cada un dos participantes, que con esta marcha pretendían denunciar e evidenciar a intolerante situación na que se atopa unha das fragas máis interesantes e singulares da provincia de Ourense, por mor dunha irracional xestión cinexética intensiva.
Pero esta situación xa está en vías de cambio:
Como resultado das recentes reunións mantidas polo Comité de Defensa do Monte Galego co Delegado de Medio Rural e Delegado de Medio Ambiente de Ourense, comunicouse a disposición da empresa a eliminar o valado.
Agradecemos a alta participación e bo ánimo dos asistentes e esperamos que na III Andaina polo Bidueiral de Montederramo nos reunamos para celebrar a declaración do Macizo Central Ourensán coma Parque Natural e o Bidueiral como Reserva Integral.
Contamos con vós!
Fotografías: Xurxo
A II Andaina pola Defensa do Bidueiral de Montederramo
foi organizada polo Comite de Defensa do Monte Galego
URL da información Comentarios fechados