Entorno Natural


As Corcerizas localízase no ecosistema forestal da Serra de San Mamede, no sistema montañoso do Macizo Central de Ourense. Situado no suroeste da provincia, conta con 53.000 hectáreas que o conforman como o segundo espazo protexido máis extenso de Galicia, catalogado como Lugar de Importancia Comunitaria (L.I.C.) dentro da Rede Natura 2000, figuras de protección a nivel europeo. Constitúe un espazo de gran riqueza faunística cun total de 176 especies de vertebrados, destacando especies protexidas como a aguia real e o lagarto das silvas e especies seriamente ameazadas como a perdiz común. A variedade que atopamos en anfibios e reptís de montaña tamén é importante, existindo diferentes tipos de lagartos e píntegas, característicos da rexión. Entre os mamíferos, a lebre, o lobo, a marta, o cervo, o corzo ou os xabarís son mostra da gran biodiversidade.

Polo seu alto valor ecolóxico e rareza, resulta relevante o Bidueiral de Montederramo, declarado Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN) e Lugar de Importancia Comunitaria (LIC ). Distínguese por ser unha das fragas de bidueiros situada máis ao sur de Galicia, pola altitude na que se atopa (entre 1600 e os 959 m), e polo seu estado de conservación. Ademais destaca polo resto de especies autóctonas coma acivros, cancereixos, arandos, carballos, fentos, liques e outros exemplares que mudan de cor segundo o paso das estacións.

04_entorno_natural

Outro atractivo da Serra é o Río Arnoia, que nace nos cumios de San Mamede dende os cales pódese observar os restos da pegada do mar de auga doce que un día encheu de vida e dulcificou o clima da comarca da Limia, a Lagoa de Antela. É recoñecida coma unha das lagoas máis importantes da Península Ibérica, tanto pola súa extensión como pola súa riqueza, desecada a partir do ano 1956.

A ubicación de As Corcerizas é tamén privilexiada pola gran riqueza etnográfica que a rodea, debido á proximidade con varios pobos típicos da montaña galega e outros elementos patrimoniais singulares. O descenso pola montaña lévanos ata Rebordechao, pobo que conserva a riqueza arquitectónica das construcións populares tradicionais, como forxas, alvarizas, muíños de auga, fornos comunais ou palleiras, construídos cos recursos da zona. O Concello de Vilar de Barrio no que se sitúa conta con diversos lugares de interese e rutas turísticas pasando polos seus pobos, así como o camiño da Vía da Prata, unha alternativa á peregrinación a Santiago de Compostela.