Programas, actividades e eventos
Amigos da Terra desenvolve o seu proxecto de As Corcerizas co obxectivo de liderar e demostrar un novo modelo de desenvolvemento baseado en criterios de sustentabilidade, a través de alternativas prácticas que minimicen o noso impacto ambiental e social e que poidan ser facilmente incorporadas na toma de decisións diaria.
En As Corcerizas apostamos por un cambio de paradigma, empregando diferentes ferramentas que nos capaciten para poder adoptar actitudes responsables sen percibilas como custosas ou como unha renuncia nos niveis de calidade de vida acadados.
Dende a mesma coherencia ambiental na concepción do equipamento, ata a proposta das actividades educativas que nel se desenvolven, mostrase un compromiso firme por facer realidade as máis avanzadas recomendacións das novas liñas metodolóxicas de intervención educativa.
Trátase dunha aposta seria e contrastada por una Educación Ambiental de calidade, comprometida, crítica, participativa e plural. Non soamente en base a aportar información, senón tamén e sobre todo, a proporcionar experiencias directas e persoais que impliquen aos e ás participantes na problemática ambiental, e que se traduzan en comportamentos e actitudes responsables para ser parte da súa solución.
Desenvolvemos os programas dende unha visión educativa integral, buscando a orixe común e a multicausalidade da problemática ambiental, e non tratando os temas de xeito illado. Todas as actividades de achegamento á natureza realízanse cun dobre carácter: de serio compromiso ético e cunha metodoloxía lúdica e motivadora; proporcionando unha educación e información de calidade, veraz e adaptada ao grupo.
Formación e Divulgación Ambiental
Relacionada cos eidos nos que actuamos.
Ler máis »
- Educación Ambiental e Interpretación do Patrimonio
- Cambio Climático
- Bioconstrución e Arquitectura Bioclimática
- Enerxías Renovables en sistemas illados ou conectados á rede eléctrica
- Compostaxe e Biodepuración de Augas
- Agricultura Ecolóxica
- Permacultura e Cociña alternativa
- Cooperación Internacional e Comunicación
- Lexislación Ambiental
- Activismo e Voluntariado Ambiental
Para máis información podes consultar as actividades relacionadas.
Educación Ambiental
A través de programas de unha xornada, de fin de semana ou estadías nas que se inclúen diversas actividades.
Ler máis »
- Visitas interpretativas ás instalacións e actividades prácticas, sobre enerxías renovables, bioconstrución, fitodepuración, compostaxe, horta ecolóxica e alimentación sostible.
- Roteiros interpretativos pola Serra de San Mamede e actividades etnográficas; coñecendo a flora, fauna e os seus rastros.
- Actividades de voluntariado forestal.
- Obradoiros ambientais e manualidades, dinámicas de grupo, xogos cooperativos e de rol.
Para máis información podes consultar as actividades relacionadas.
Programas escolares, universitarios e de centros de formación profesional
Entroncando cos tres eixes definitorios que aplicamos nas actividades: Sentir, Coñecer e Actuar.
Ler máis »
- Sentir e desenvolver no entorno as capacidades multisensoriais. Unha aproximación afectiva que abrangue transversalmente cada actividade entre o equipo docente e os/as participantes. Esta apropiación afectiva do contorno é o primeiro paso para o coñecemento e a acción.
- Coñecer os datos, estudar e analizar reflexivamente os beneficios/impactos e as repercusións das nosas actuacións e actividades. Entendemos a educación ambiental como unha actuación que xere escenarios propicios para un proceso de aprendizaxe no que o camiño a percorrer resulte tan motivador como o obxectivo final.
- Actuar de xeito cooperativo para a resolución, para o cambio, para xerar actitudes e aptitudes pro-ambientais. Capacitar para a acción a través dun proceso de procesos no que todos e todas somos actores determinantes, e soamente entre todos e todas atoparemos solucións perdurables.
Para máis información podes consultar as actividades relacionadas.
Campamentos e Campos de Traballo
Unha experiencia vivencial e integral de alto valor tanto para persoas adultas como para nenas/os e mozas/os, educando para vivir con coherencia e respecto nunha sociedade de futuro.
Ler máis »
- Campamentos de verán, Nadal e fin de curso: as actividades son escollidas e organizadas para adquirir, ademais de novos coñecementos, actitudes e capacidades como psicomotricidade, cooperación, respeto mutuo, coordinación, socialización, imaxinación, axilidade física e mental. Enfocadas sempre baixo unha perspectiva educativa á vez que lúdica e adaptadas ás diferentes idades e grupos.
- Campo de Traballo de Bioconstrución, cun programa internacional consolidado: un espazo participativo para a formación práctica en bioconstrución a través de traballos colectivos que nos mostren como empregar materiais ecolóxicos para minimizar os impactos que coa nosa forma de vida xeramos sobre a saúde, o medio e a sociedade.
Para máis información podes consultar as actividades relacionadas.
Eventos
Para favorecer o encontro e intercambio de experiencias: congresos, seminarios internacionais, realización de encontros e asembleas de diferentes entidades.