As Corcerizas, unha utopía feita realidade por Amigos da Terra

O Centro de Educación Ambiental As Corcerizas é un proxecto diferencial de Amigos da Terra, xa que parte da esperanza dunha base social significativa, que ao longo destes anos foi traballando sobre os principios e valores que un día nos motivaron a afrontar este reto. O reto de demostrar a viabilidade e importancia de poñer en práctica un proxecto educativo en total coherencia co equipamento.

Actividade en As Corcerizas As Corcerizas
2014_01_01_03 As Corcerizas
Bioconstrución en As Corcerizas As Corcerizas

As Corcerizas supón o reflexo do carácter construtivista de Amigos da Terra e representa o recurso fundamental para desenvolver as políticas da asociación, mostrando algunhas alternativas posibles para poñer freo aos máis graves problemas ambientais que afectan ao noso entorno local e global, demostrándoas desde a práctica e a acción, e facéndonos parte das propias solucións que aporta.

O principio de coherencia marca a diferencia. A clave atópase en que o propio equipamento resulta un recurso educativo en si mesmo, conformando un único proxecto con maior capacidade de incidir eficazmente nos comportamentos desde o momento en que se converte nunha experiencia vivencial, baseándonos nunha educación ambiental de calidade, comprometida, crítica, activa, participativa, aberta e plural.

Co paso do tempo, e seguindo os obxectivos de Amigos da Terra, As Corcerizas vai madurando e orientándose cada vez máis cara a comunidade adulta, xa que é neste rango da sociedade onde reside a capacidade de decisión e presión sobre as políticas presentes e futuras, as que van a condicionar o panorama ambiental das próximas xeracións.

A Educación Ambiental xoga hoxe en día un papel esencial para capacitar á acción a unha sociedade necesitada de permanente reflexión sobre os obxectivos que persegue, a sustentabilidade das estratexias que emprega para conseguilos, e da equidade do seu reparto e uso.