Dende a xunta directiva de Amigos da Terra, queremos trasladarvos o gran impulso que supón o recibir a nova pola que As Corcerizas resulta premiada a nivel mundial no concurso HISF, Hostelling International 2013 Sustainability Fund, promovido pola rede internacional de asociacións de albergues xuvenís (Hostelling International).

Nestes intres, nos que, con moita ilusión e motivación, Amigos da Terra reforza o seu compromiso coa defensa e preservación de As Corcerizas, esta nova é un exemplo de que moitas persoas, dende o histórico equipo de Amigos da Terra, o grupo estatal de Amigos de la Tierra, os voluntarios e voluntarias, xente de toda Europa e moita outra de máis aló, recoñecen e consolidan o modelo de xestión sustentable de As Corcerizas, animan, apoian, e consideran imprescindible, a súa mellora e supervivencia como exemplo de desenvolvemento.

Sentimos unha grande emoción ó veren como tantas e tantos, ó redor de todo o mundo, poñen a súa mirada neste proxecto.

Herdando 10 anos de esforzos e ilusións da anterior directiva, dos voluntarios, voluntarias e equipo técnico, de AdT España, FoE Europe e toda a rede de FoE International, comprobamos que cobra valor o feito de ter unha utopía transformada en realidade, onde teñen cabida as enerxías renovables para o autoconsumo, a bioconstrución, a xestión alternativa dos residuos respectuosa co contorno, a educación ambiental e o desenvolvemento sustentable.

Porén, cremos que temos a oportunidade e a corresponsabilidade de demostrar, con este exemplo educativo real como é As Corcerizas, que a eficiencia enerxética, o respecto ambiental e a sustentabilidade tecnolóxica son totalmente factibles, viables e recomendables.

Asemade, e contribuíndo ó desenvolvemento desta zona de alta montaña de Galicia (Serra de San Mamede, Macizo Central Ourensá), a oportunidade e a responsabilidade de seguir a difundir esta alternativa, contribuíndo ó impulso de novos proxectos que minimicen o seu impacto social e ambiental.

No tocante á dotación económica do premio (£24,800), vainos permitir mellorar a autosuficiencia de As Corcerizas, e a posta en marcha dun programa educativo, a través de:

  • A instalación dun pequeno aeroxenerador (ou muíño eólico) e a monitorización do sistema para a supervisión remota.
  • A construción dun muro radiante de barro cru, como mellora na eficiencia do sistema de calefacción.
  • Programas educativos para difundir a redución no consumo e a eficiencia enerxética como alternativa sustentable

Cómpre dicir que dende esta instalación, o centro consolidarase como unha illa enerxética, tamén en inverno, mentres que a implantación dun programa dirixido ás escolas, ademais do compoñente educativo, contribuirá a fomentar medidas tendentes a obter unha pegada de carbono mínima.

Sen máis, moitas grazas a tódalas persoas que fixestes posible o proxecto de As Corcerizas, ás que seguides a ofrecer o voso apoio, ó HI, e a todas as que credes nunha alternativa sustentable e respectuosa co noso contorno, e sabedes que “un mundo mellor é posible”. Que o proxecto de As Corcerizas fora premiado a nivel global é demostración que se queremos, podemos. O premio e o voso compromiso axúdanos a seguir adiante.

MOITAS GRAZAS!

Amigos da Terra Galicia
Membro de AdT España e de Friends of the Earth International