O Macizo Central Ourensán está conformado polas serras de As Corzas, Invernadoiro, Queixa, San Mamede e o Burgo, constituíndo o espazo natural máis completo da alta montaña galega. Polo feito de ter unha superficie tan ampla, confluencia de rexións bioxeográficas e un relevo variado, presenta moi diversas especies vexetais, tanto de tipo mediterráneo (carpazos, aciñeiras, cerquiño) como de tipo atlántico (carballo, acivro, toxo), o que lle confire unha excepcional biodiversidade.

2014_04_02_04 2014_04_02_02
2014_04_02_01 2014_04_02_03

Posúe tamén gran riqueza faunística cun total de 176 especies de vertebrados. Destacamos especies protexidas como a aguia real e o lagarto das silvas e especies seriamente ameazadas como a perdiz común. A variedade que atopamos en anfibios e réptiles de montaña tamén é importante, existindo diferentes tipos de lagartos e píntegas, característicos da rexión. Entre os mamíferos, a lebre, o lobo, a marta, o cervo, o corzo ou os xabarís son mostra da gran biodiversidade.

Por outra banda, outeiros e penas da serra de San Mamede convértense en miradoiros excepcionais, dende onde poderemos ver restos da pegada do mar de auga doce que un día encheu de vida e dulcificou o clima da comarca da Limia, a Lagoa de Antela, recoñecida coma unha das lagoas máis importantes da Península Ibérica, tanto pola súa extensión como pola súa riqueza e que foi desecada a partir do ano 1956.

Outro atractivo da Serra é o Río Arnoia, que nace nos cumios de San Mamede e que se precipita, cristalino, ladeiras abaixo por dous ramais distanciados desde o seu nacemento. O río retórcese nas estreituras da montaña ata chegar ao pobo máis próximo de As Corcerizas, Arnuide, no albor do Val do Medo.