O Centro de Educación Ambiental As Corcerizas está situado na Serra de San Mamede, no Macizo Central Ourensán, catalogado como Lugar de Importancia Comunitaria (L.I.C.) dentro da Rede Natura 2000, figuras de protección a nivel europeo.

2014_04_01_01 2014_04_01_02
2014_04_01_04 2014_04_01_03

Situado no sudoeste da provincia, conta con 53.000 hectáreas que o conforman como o segundo espazo protexido máis extenso de Galicia. Constitúe, ademais, un espazo excepcional para observar a mestura bioxeográfica que se produce entre a rexión mediterránea húmida e a eurosiberiana de montaña galego-portuguesa.

Polo seu alto valor ecolóxico e rareza, destaca o Bidueiral de Montederramo, declarado Espazo Natural en Réxime de Protección Xeral proposto para a Rede Natura 2000. Distínguese por ser unha das fragas de bidueiros situada máis ao sur de Galicia, pola altitude na que se atopa (entre 1600 e os 959 m), e polo seu estado de conservación.

A ubicación de As Corcerizas é tamén destacada pola gran riqueza etnográfica que a rodea, pola proximidade con varios pobos típicos da montaña galega e outros elementos patrimoniais singulares.

Destaca o descenso pola montaña ata Rebordechao, entre pastos, carballeiras e os impoñentes cumios da serra. Este pobo presenta unha grande riqueza arquitectónica, xa que aínda se conservan construcións populares tradicionais, como forxas, alvarizas, muíños de auga, fornos comunais ou “palleiras”, feitos cos recursos da zona.