Posteos etiquetados Enerxía Eólica
Amigos da Terra gaña o PREMIO CONAMA de Sostibilidade!
Nov 18
O proxecto de As Corcerizas gaña o VII Premio Conama á Sostibilidade de Pequenos e Medianos Municipios 2014 na categoría de menos de 5.000 habitantes, que se entregará o 24 de novembro no duodécimo Congreso Nacional del Medio Ambiente.
Trátase dun galardón honorífico que distingue as mellores iniciativas de eido local a favor da sostibilidade, dando visibilidade a aquelas que poidan servir de exemplo a outras localidades do Estado español. Amigos da Terra continúa creando e divulgando alternativas para un cambio real de modelo!
Curso de Produción e Xestión de Electricidade Renovable nas edificacións
Out 10
Os días 25 e 26 de outubro, Amigos da Terra pon en marcha unha formación en As Corcerizas co obxectivo de proporcionar a información suficiente para integrar fontes de produción de electricidade renovable a nivel doméstico: solar, eólica e microhidráulica; de xeito práctico e cun enfoque real que permita trasladalo ao noso proxecto ou fogar.
No curso entenderemos cómo calcular o consumo eléctrico nunha vivenda e a súa demanda enerxética, os criterios de elección das fontes renovables máis apropiadas e as diferentes opcións para a xestión eléctrica nun sistema asistido ou illado da rede eléctrica. Ademais adquiriremos as nocións básicas para o dimensionamento dun sistema de aproveitamento de electricidade fotovoltaica, cos cálculos precisos para trasladalo a cada realidade.
Información ampliada: PROGRAMA E CONDICIÓNS
Primeiros vatios de minieólica intelixente en As Corcerizas
Mar 25
Este domingo, 23 de marzo de 2014, vai supoñer un antes e un despois a nivel enerxético para As Corcerizas! Logrouse con éxito a instalación dunha nova máquina de pequena potencia que mostra un novo concepto de minieólica: máxima eficiencia, fiable, con baixos niveles de ruído e sen mantemento. Este novo aeroxerador Anelion SW3.5 distínguese por ter un sistema de regulación e control de potencia puramente electrónico, que agora está a producir xa os primeiros vatios na Serra de San Mamede.
Fotos do proceso: Presentación instalación aeroxerador
Curso de Deseño, montaxe e mantemento de sistemas eólicos
Mar 6
Ábrese a inscrición para o curso que levaremos a cabo en As Corcerizas os días 21 a 23 de marzo: Deseño práctico, montaxe e mantemento de sistemas eólicos de pequena potencia para instalacións de autoconsumo, autónomas ou conectadas á rede.
A formación baséase na configuración dun sistema eólico de pequena potencia e na súa montaxe real, coa posta en marcha, comprobación e mantemento. Consulta o programa: APLICACIÓN INSTALACIÓNS EÓLICAS
DIRIXIDO A: estudantes, formadores/as, electricistas, e profesionais en xeral do sector; emprededores/as, etc., e calquera persoa que teña interese en aproveitar a enerxía do vento para producir electricidade.
PREZO: 175€; 150€ para socios/as de Amigos da Terra; inclúe matrícula, aloxamento e manutención (alimentos ecolóxicos e locais, no posible)
Mesa redonda sobre a enerxía eólica
Feb 12
O 25 de febreiro Amigos da Terra participará na mesa da Plataforma en defensa da serra do Galiñeiro da que forma parte. A intervención consistirá na exposición doutro modelo posible de desenvolvemento baseado no uso de renovables dun xeito máis sostible, a través da experiencia de As Corcerizas.
Unha cita relevante para a reflexión, especialmente unha vez coñecido que o goberno recortará as axudas para as enerxías renovables.
Esperámosvos en Vigo, no Auditorio Municipal do Areal a partir das 17h. , onde poderedes obter máis información sobre a enerxía eólica dende diferentes puntos de vista.