Logo da boa experiencia do pasado ano, damos comezo nesta campaña de verán, un novo Campo de Traballo sobre Bioconstrución. O venres 15 de xullo recibiremos a 20 persoas de todo o estado español, con novas ilusións e capacidades para compartir, durante 12 días, experiencias e alternativas para vivir dun xeito máis coherente co contorno natural e social.

Este Campo de Traballo forma parte do programa Acción de Verán, campaña que convoca a Consellería de Traballo e Benestar a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, e colabora o Concello de Ourense.

 

 

 

Adicaremos as mañás á formación e traballos de bioconstrución, contando con colaboradores como Guido Tomasini para o emprego de barro ou o Pintor de Quins para aplicación de pinturas naturais.

Completaremos o programa con outros temas relacionados coa conservación do patrimonio, etnografía, xestión sustentable do monte, etc., con roteiros, obradoiros, e moitas outras actividades de animación e lecer.

Os/as participantes tamén terán a oportunidade de coñecer a costa galega, outros xeitos de ocupar e construir segundo o clima e materiais. Visitaremos tamén a cidade de Ourense, a través dunha visita guiada polo casco histórico e rematando nas termas, gracias á colaboración da Concellería de Turismo, Industria, Comercio e Termalismo do Concello de Ourense.