As Corcerizas acolle dende hoxe e ata o domingo, a segunda fin de semana de Voluntariado Ambiental en Espazos Naturais, un proxecto de educación ambiental multidisciplinar posto en marcha pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, e pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza, na Serra de San Mamede (Macizo Central Ourensán) e na Baixa Limia (Serra do Xurés). Nesta ocasión, despois de facer un roteiro na busca e interpretación de rastros animais e profundizar no coñecemento da situación do lobo en Galicia, abordaremos unha temática de conexión coa Terra, dando renda solta á nosa imaxinación creando obras de “Land Art”.

Esta modalidade artística, trata de pór en relación directa ao ser humano co seu contorno e coa natureza, considerando que a obra de arte debe estar ao alcance de todos, como un elemento paixístico máis, e disfrutándoo do mesmo xeito que dunha montaña, dunha cala costeira o dun bosque de árbores centenarias.

O programa de Voluntariado Ambiental en Espazos Naturais continuará durante o vindeiro mes de xuño en As Corcerizas (do 17 ao 19, e do 24 ao 26). Todos os voluntarios e voluntarias que estean dispostos a colaborar neste proxecto poden inscribirse a través do formulario de inscrición da web de voluntariadogalego.org da Xunta, ou chamando ao Teléfono Solidario 900 400800.