O próximo sábado, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, Amigos da Terra organiza  a II Xornada de Dereito Urbanístico e do Medio Ambiente.

Tal e como aconteceu o pasado ano, alumnos e alumnas do Máster Oficial de Dereito Urbanístico e do Medio Ambiente da Facultade de Dereito de Ourense, daranse cita no Centro para  levar á práctica os coñecementos adquiridos e prestados durante o ano na formación da universidade.

Avogados e arquitectos comprobarán a realidade da xestión dun Lugar de Importancia Comunitaria (LIC), integrado na Rede Natura Europea, así como as construcións bioclimáticas e arquitectonicamente sustentables do Centro de Educación Ambiental As Corcerizas.

Así mesmo, o persoal técnico da asociación informará sobre as técnicas de autoabastecemento do Centro a través das enerxías renovables e sobre a necesidade de salvagarda dun espazo natural legalmente recoñecido.