As Corcerizas acolle do 2 ao 5 de febreiro un curso de voluntariado ambiental no que participan 30 alumnos/as do Instituto de Educación Secundaria «O Castro», de Vigo. Durante catro xornadas, este grupo de mozos/as adquirirán unha visión integral da problemática ecosocial, capacitándoos para abordala e actuar dende dous eixes: que poden facer cada un deles, e como poden incidir na sociedade, utilizando sempre o papel do voluntariado como motor de cambio.

Entre os principais obxectivos que busca este curso destacan, fomentar nos/as participantes o traballo en equipo, inculcando valores de solidariedade, participación, convivencia, tolerancia, etc., así como facelos conscientes das problemáticas ambientais e da necesidade de conservación, fortalecendo ou creando neles unha conciencia ambiental.

O papel da educación ambiental con voluntariado é considerado por Amigos da Terra, como un proceso fundamental para activar unha sociedade necesitada de permanente reflexión sobre os obxectivos que persegue, a sustentabilidade das estratexias que emprega para conseguilos, e da equidade do reparto e uso dos recursos.