Que foi primeiro, o equipamento ou o proxecto educativo?
Naceron e evolucionaron paralelamente, adaptándose o un ao outro, en continua revisión, renovación e crecemento.

2014_02_01_02 2014_02_01_03
2014_02_01_04 2014_02_01_01
2014_02_01_06 2014_02_01_05

Seguindo a filosofía de Amigos da Terra deseñouse un centro cun importante matiz diferencial entre o resto dos equipamentos de educación ambiental galegos, pois apostamos porque o propio equipamento constituíra en si mesmo un recurso educativo exemplar, sendo coherente e incorporando na súa construción aqueles principios que servirían de base ao seu proxecto educativo, e que a súa vez eran coherentes cos principios dunha asociación ecoloxista cunha fonda compoñente de compromiso social.

Ser pioneiros en Galicia neste plantexamento arrastrou infinidade de dificultades prácticas, pois carecíase de exemplos próximos que puideran servir como referencia. Optimizar o funcionamento do centro de educación ambiental ata chegar á realidade de hoxe, por fin a pleno rendemento, supuxo tanto esforzo e tempo como a súa propia construción.

As Corcerizas preséntase a día de hoxe como un centro de educación ambiental pioneiro en Galicia e con poucos referentes equiparables no estado por estar concibida seguindo esta perspectiva de coherencia e sustentabilidade dende a súa planificación, construción, xestión e uso.

O equipamento consta de dous edificios de nova creación, o comedor e a aula, feitos segundo os modelos de arquitectura bioclimática e baixo criterios e materiais de bioconstrución; un albergue de 40 prazas rehabilitado tamén seguindo a mesma perspectiva; e o centro de xestión enerxética, a “casa das enerxías”, onde se controla o almacenamento mediante baterías estacionarias e a distribución da enerxía xerada das distintas fontes renovables coas que contamos.