Alimentación Sustentable
Unha alimentación sustentable, ademais de ser saudable para nós mesmos/as, debe respectar o medio no que todos e todas convivimos en sociedade. En As Corcerizas as comidas son preparadas, na medida do posible, con alimentos procedentes da agricultura ecolóxica local e comercio xusto. Deste xeito, aparte de servir coma exemplo e demostración de viabilidade, resulta un apoio para o desenvolvemento das pequenas explotacións da zona. Unha vez máis, a experiencia vivida é a mellor ferramenta para sensibilizar e concienciar da necesidade de cambiar os nosos hábitos alimenticios para o ben da nosa saúde, o medio ambiente e a prosperidade do rural galego.
Recomendacións de Amigos da Terra para unha alimentación sustentable
Cando vaias á compra sé consciente do que estás mercando:
-
Se mercas produtos de agricultura ecolóxica (sen pesticidas, herbicidas, nin transxénicos) e, na medida do posible locais e de tempada, ademais de estar garantindo beneficios para a saúde, estarás favorecendo o desenvolvemento das pequenas explotacións da zona e a conservación do medio.
-
Algúns alimentos como o café, cacao, azucre… non os poderás atopar de produción local, si non que proveñen doutros países, na súa maioría empobrecidos polos abusos das grandes multinacionais. A alternativa ante esta situación é que contactes cunha distribuidora de Comercio Xusto, onde se garanten uns criterios de xustiza social e de desenvolvemento sostible para as comunidades que cultivan os alimentos que precisamos.
-
Hai certos produtos que debes Rexeitar, como os que teñen un exceso de embalaxes ou os que percorren miles de quilómetros para chegar ata as nosas mans. É fundamental Reflexionar e informarnos sobre o produto antes de mercalo.
-
A medida que se vaian consumindo os produtos, lembra que moitos dos envases que quedan baleiros pódense Reutilizar sen ter que destruílos, aforrando así a enerxía que se destinaría a facelos de novo. Á hora de mercar escolle os produtos pensando no seu destino último: ao vidro podes darlle moitos máis usos que aos envases de plástico ou latas, que ademais consumen moita enerxía e auga na súa produción.
-
Podes organizar a cociña para separar todos aqueles residuos que non poidas reutilizar, para que posteriormente se poidan Reciclar, reducindo a utilización de novas materias primas. Ademais, coa utilización dun pequeno compostador podes chegar a reciclar toda a materia orgánica xerada, reducindo o teu cubo do xenérico nun 50%.
|