Educación Ambiental para Persoas Adultas
Loitas ambientais, alternativas rurais
Mar 9
O 28 de Marzo propoñémoste unha xornada de conferencias en As Corcerizas.
Baixo o título “Loitas ambientais, alternativas rurais” afondaremos na realidade do que está a acontecer nas nosas aldeas, nas nosas eiras e aos nosos labregos.
Nun momento no que a volta ao rural está en boga, reflexionaremos sobre as eivas e as vantaxes, as oportunidades e, tamén, os retos aos que deberemos facer fronte nos próximos anos para garantir un rural vivo, xusto e ecolóxico.
Consulta o PROGRAMA COMPLETO
Prezo: A xornada e o xantar son de balde para o público xeral. Prazas limitadas.
Envía a ficha de inscrición cuberta a info@ascorcerizas.com
Data fin de inscricións: 24 de Marzo ás 12h.
Coñece o Bidueiral de Montederramo! roteiro guiado pola “fraga das damas brancas”
Set 2
Amigos da Terra convídavos a participar nun roteiro interpretativo por unha das fragas mellor conservadas de Galicia, o Bidueiral de Montederramo. Propoñemos un programa de actividades para a fin de semana do 13-14 de setembro, gratuíto, aberto á participación!:
Sábado-10.30h a 19.30h. Saída ao Bidueiral de Montederramo: disfrutaremos dun bosque de especies autóctonas, coñecendo os seus usos tradicionais e mediciñais nas poboacións próximas; e o alto valor ecolóxico deste espazo como sumideiro de CO2.
Domingo-10.30h. a 13.30h. Visita As Corcerizas e voluntariado: se non coñeces o proxecto achégate a visitar os recursos do centro.
Apúntate! envia un correo a info@ascorcerizas.com e porémonos en contacto contigo.
Na defensa dos nosos montes!
Ago 29
Logo da dramática desfeita que os lumes produciron estes últimos anos nos montes e ecosistemas galegos, dende Amigos da Terra levamos a cabo labores continuadas de recuperación e sensibilización con persoas voluntarias na Serra de San Mamede.
Nesta campaña integráronse tamén as accións de defensa contra os incendios forestais do programa de voluntariado ambiental que pon en marcha a Xunta de Galicia, no que participamos neste verán.
En periodos de 1 semana, durante 4 quendas puideron achegarse 24 persoas, ás que agradecemos a súa participación, interese e esforzo en preservar e mellorar este espazo natural, así como o apoio recibido ao proxecto educativo que alí se desenvolve. GALERÍA DE FOTOGRAFÍAS DO PROGRAMA Continuaremos na defensa dos nosos montes!
Voluntariado Ambiental en As Corcerizas, participa!
Xuñ 25
Comezamos co programa de prevención contra os incendios forestais na Serra de San Mamede! Dende Amigos da Terra animámosvos a participar na defensa dos nosos bosques e a colaborar na mellora do ecosistema forestal próximo a As Corcerizas, en estancias gratuítas dunha semana durante os meses de xullo e agosto.
Combinaremos accións directas no monte para a súa recuperación, restauración de zonas afectadas polos lumes, roteiros de vixianza e coñecemento do medio, obradoiros ambientais, debates, videos, dinámicas grupais, etc.; nun ambiente lúdico e participativo.
Apúntate xa a esta primeira semana! do 30 de xuño ao 4 de xullo, neste FORMULARIO DE PARTICIPACIÓN
Máis datas en As Corcerizas: 7 a 11 e 14 a 18 de xullo; 18 a 22 de agosto
Campo de traballo en agosto, apúntate!
Mai 6
Este verán levaremos a cabo un novo Campo de Traballo Internacional en As Corcerizas, dirixido a persoas entre 18 e 30 anos.
Do 1 ao 12 de agosto desenvolveremos actividades de bioconstrución e autoconstrución, nun ambiente participativo e lúdico.
Tamén se traballará na protección do contorno natural, recuperando o ecosistema forestal e vixiando para a detección de posibles lumes na Serra de San Mamede; xunto con roteiros pola montaña, obradoiros, e dinámicas grupais que fomentarán un ambiente amigable e distendido. {INFORMACIÓN AMPLIADA}
Consulta aquí as condicións xerais e modo de inscrición a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado,que apoia e promove esta iniciativa a través da campaña Acción de Verán.
Participa con Amigos da Terra na protección dos bosques!
Abr 14
O sábado 19 de abril continuaremos coas xornadas de voluntariado ambiental na Serra de San Mamede, centrando as accións no ecosistema forestal próximo a As Corcerizas; espazo de gran riqueza faunística e de diversidade de especies vexetais. Coa finalidade de seguir recuperando zonas degradadas e revalorizar os seus elementos singulares, realizaremos as seguintes actividades:
– Mellora do bosque comestible
– Deseño do “roteiro da fraga das lendas” e localización do miradoiro
– Construción dunha ponte sobre o río da lagoa
Se estás interesado/a en participar, contacta en voluntariado.galicia@amigosdaterra.net ou no 988 374 318, local de Amigos da Terra en Ourense. Horario das actividades:11h. a 19h.; saída conxunta ás 10 dende Ourense
Voluntariado ambiental en As Corcerizas… de voluntari@s a voluntari@s
Set 4
Un grupo de activistas da asociación ecoloxista Amigos da Terra organiza a vindeira fin de semana, dende o 6 ata o 8 de setembro unha xornada de voluntariado ambiental para dar continuidade aos traballos forestais que se iniciaron esta primavera no entorno de As Corcerizas, na serra de San Mamede: recollida de leña, limpeza do monte, protección de árbores, e para completala xornada conpartindo experiencias, organizaráse un cursillo de auto cultivo de setas.
O aloxamento no albergue será gratuito, así como o almorzo. Os participantes terán que levar a comida do sábado e o domíngo, asi como unhas verduriñas para a cea do sábado, co fin de acompañar a pasta e o arroz que porá a asociación.
A chegada será o venres ás 18:00 h e a saída o domingo pola tarde.
Activismo na Serra de San Mamede
Mar 11
Dando continuidade ás accións de revalorización e recuperación do monte levadas á cabo por Amigos da Terra no entorno de As Corcerizas nos últimos anos; propomos, para o vindeiro 16 e 17 de marzo, un plan de coñecemento e acción pola Serra de San Mamede:
Roteiro nocturno, obradoiro de recuperación ambiental, plantación e ecovixiancia en zonas afectadas polo AVE e xogos de orientación, serán algunhas das actividades previstas.
Consulta a Programación e reserva praza!
Como convivir cunha mesma e en comunidade? apúntate a descubrilo!
Mar 4
Esta semana santa Amigos da Terra ofreceche un plan diferente en As Corcerizas, con actividades baseadas no benestar, equilibrio e intelixencia emocional. É momento de adquirir as habilidades que precisamos para vivir en sociedade e crear comunidade, apúntaste a descubrilas? Coa colaboración de María Martínez, especialista en terapia breve centrada en solucións, gabinete ANDARES, afondaremos en fórmulas para unha comunicación asertiva e para sintonizar e entrar en armonía cos demais sen perder o noso ritmo.
Tamén propomos un roteiro pola Serra de San Mamede, potenciando o contacto coa natureza como ferramenta imprescindible para o noso benestar.
PREZO ESPECIAL DE XÓVES A DOMINGO: 75 euros; 65 euros para socios/as de Amigos da Terra. Tamén poderás conformar o teu propio plan “a medida” e apuntarte ao que máis che interesa!