Arquivos de Agosto, 2014
Na defensa dos nosos montes!
Ago 29
Logo da dramática desfeita que os lumes produciron estes últimos anos nos montes e ecosistemas galegos, dende Amigos da Terra levamos a cabo labores continuadas de recuperación e sensibilización con persoas voluntarias na Serra de San Mamede.
Nesta campaña integráronse tamén as accións de defensa contra os incendios forestais do programa de voluntariado ambiental que pon en marcha a Xunta de Galicia, no que participamos neste verán.
En periodos de 1 semana, durante 4 quendas puideron achegarse 24 persoas, ás que agradecemos a súa participación, interese e esforzo en preservar e mellorar este espazo natural, así como o apoio recibido ao proxecto educativo que alí se desenvolve. GALERÍA DE FOTOGRAFÍAS DO PROGRAMA Continuaremos na defensa dos nosos montes!
Remata o Campo de traballo internacional de bioconstrución!
Ago 15
O pasado 12 de agosto finalizou o campo de traballo internacional de bioconstrución e autoconstrución en As Corcerizas. Ao longo de doce xornadas, mozas de seis nacionalidades diferentes aprenderon a deseñar e construir seguindo os principios da construción sostible.
O programa completouse con charlas informativas sobre o sistema alimentario convencional, a mediciña alopática e o presente modelo enerxético. E para coñecer as alternativas propuxemos diversos obradoiros de cosmética natural, velas e xabóns veganos, elaboración de pan, de marmelos e cervexa artesanal. Aquí algunhas FOTOGRAFÍAS das xornadas.