Amigos da Terra asinamos onte coa Deputación de Ourense a prórroga para a xestión das instalacións de As Corcerizas ata o ano 2022, supondo 10 anos máis de oportunidades para lograr cambios proactivos na sociedade, fiando redes para un cambio de modelo.

Dende Amigos da Terra levamos desenvolvendo o noso proxecto educativo en As Corcerizas dende o ano 2002, cumprindose precisamente este ano o 10 anivesario.

A traxectoria destes anos é unha garantía de continuidade para a asociación, que ao longo destes anos foi traballando sobre os principios e valores que un día motiváronnos a afrontar este reto. O reto de demostrar a viabilidade e importancia de poñer en práctica un proxecto educativo en total coherencia co equipamento.

Ser pioneiros en Galicia neste plantexamento hai xa 10 anos arrastrou infinidade de dificultades prácticas, pois careciamos de exemplos próximos que nos puideran servir como referencia. Co paso do tempo e coa enerxía posta no proxecto a situación cambiou e As Corcerizas vaise consolidando como un referente no aporte de alternativas para un cambio de modelo.

Todo este traballo da asociación, voluntarios/as e colaboradores vese agora recompensado e ampliado con outros dez anos de xestión de As Corcerizas, que nos permitirán seguir transformando de xeito creativo as nosas vidas e o noso entorno cara novos modelos de convivencia que velen pola sostibilidade, a autoxestión e o respeto por minorías e maiorías.