Participa no Voluntariado Ambiental para a prevención e defensa contra os incendios forestais
Amigos da Terra convídavos a participar na prevención, vixilancia e defensa dos nosos bosques, a través do programa “Voluntariado ambiental para a prevención e defensa contra os incendios forestais”. Este programa, é un proxecto de educación ambiental multidisciplinar posto en marcha pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, e pola Dirección Xeral de Montes da Consellería de Medio Rural, en Lóuzara-Samos e na Serra de San Mamede.
O obxectivo principal do mesmo é sensibilizar e infundir nos/nas participantes criterios e coñecementos básicos sobre a prevención, información e vixilancia contra os incendios forestais, que os motiven e capaciten para valorar e conservar os nosos bosques.
Este ano, prodúcese ademais a concorrencia de dous grandes feitos; por un lado, o ano 2011 foi declarado polo Consello Europeo “Ano Europeo das Actividades de Voluntariado que Fomenten unha Cidadanía Activa” e, por outro, o 20 de decembro de 2006 a Asemblea Xeral de Nacións Unidas declarou 2011 como “Ano Internacional dos Bosques”, invitando aos gobernos, ONG, sector privado e a todas as organizacións e cidadáns a facer esforzos concertados para concienciar e fortalecer en todos os niveis a conservación e o aproveitamento sustentable dos ecosistemas forestais en beneficio das xeracións actuais e futuras.
Actividades a desenvolver:
- Formación ao voluntariado sobre prevención e vixilancia contra os incendios forestais.
- Obradoiro de prevención de incendios forestais.
- Obradoiro básico de cartografía-orientación-comunicación.
- Roteiros de vixilancia temperá pola Serra para a detección de posibles lumes forestais andando e en bicicleta, con estruturación e organización dos equipos para poder abarcar o maior campo de visión posible: zonas altas con gran campo de visión e zonas baixas para a detección temperá de incendios difíciles de detectar desde as casetas de vixilancia.
- Vixilancia disuasiva polas zonas potencialmente perigosas polos incendios.
- Recoñecemento de flora e fauna de montaña.
- Observación de ecosistemas forestais e interpretación da paisaxe.
- Labores de información e sensibilización á poboación local.
- Visita á Caseta de Vixilancia Ambiental do Alto da Serra de San Mamede
Datas e número de participantes na Serra de San Mamede:
- Xullo: do 29 ao 31 (25 participantes)
- Agosto: do 5 ao 7 (15 participantes) POSPOSTO
- Agosto: do 12 ao 14 (25 participantes) POSPOSTO
- Agosto: do 19 ao 21 (25 participantes)
- Setembro: do 2 ao 4 (25 participantes)
- Setembro: do 9 ao 11 (25 participantes)
O programa inclúe:
- Aloxamento e pensión completa no albergue.
- Programa de actividades e monitores.
- Seguro de accidentes e de responsabilidade civil.
O desprazamento ata o albergue será por conta dos/das participantes.
Condicións xerais:
- Poderán participar no programa voluntarios e voluntarias que teñan cumpridos os 18 anos no momento da súa participación.
- Deberán levar os útiles de aseo persoal, toallas, chancletas para a ducha, roupa cómoda, roupa de abrigo e de auga, botas de montaña, calzado deportivo e lanterna. Obrigatorio levar saco de durmir.
Participantes e inscricións:
Todos os voluntarios e voluntarias que estean dispostos a colaborar neste proxecto poden inscribirse a través do formulario que aparece na web www.voluntariadogalego.org.
Os comentarios estan pechados.