Amigos da Terra desenvolverá o vindeiro 4 e 5 de xuño o curso Recursos prácticos de educación ambiental no tempo libre, co que se pretende poñer en valor as ideas e capacidades dos monitores/as, reforzando o papel como educadores/as e nutrindo a vía para a profesionalización do sector do ocio e tempo de lecer.

Os fundamentos teóricos levaranse a cabo a través de actividades de participación e debate, seguido de aplicacións prácticas. Traballaremos como abordar algunhas problemáticas ambientais difíciles de incorporar en programas de animación e tempo libre, como por exemplo o cambio climático, e como capacitar para a acción.

Datos de interese:

Datas e Horario: 4-5 de xuño de 2011; o curso dará comezo o sábado 4 ás 10.30h e rematará o domingo 5 ás 19.00h

Prezo: 75 €; 60 € para socios/as de Amigos da Terra. Inclúe matrícula, aloxamento e alimentación procedente de agricultura ecolóxica local e comercio xusto, na medida do posible.

Destinatarios/as: monitores/as e directores/as de tempo libre, educadores/as ambientais e calquera persoa interesada nos obxectivos do curso.

A educación ambiental é unha ferramenta básica para os/as directores/as e monitores/as de ocio e tempo de lecer, pois son potenciais transmisores/as de aptitudes, coñecemento e valores, producindo nos seus receptores cambios actitudinais que lles fagan ser máis respectuosos co medio, xustos, críticos e conscientes das súas actuacións.

Obxectivos

  • Adquirir coñecementos, aptitudes e ferramentas para incorporar a compoñente ambiental nas actividades de animación e programas de ocio e lecer.
  • Aportar ferramentas para a realización de obradoiros ambientais en campamentos.
  • Capacitar para a creación de recursos didácticos empregados nas actividades de educación ambiental.
  • Achegar estratexias e ferramentas para o guiado de grupos nunha ruta ambiental.

Contidos

Bloque 1

  • Bases metodolóxicas da educación ambiental.
  • O papel do/a monitor/a de ocio e tempo de lecer como educador/a ambiental.
  • Estratexias básicas de comunicación.
  • Deseño de recursos e materiais.
  • Modalidades e técnicas de avaliación.

Bloque 2

  • Recursos prácticos para a educación ambiental.
  • Actividades en equipamentos de Educación Ambiental.
  • Actividades nun entorno natural.
  • Realización de casos prácticos.

Inscricións:

Envía a ficha cuberta a info@ascorcerizas.com e contactaremos contigo. As plazas son limitadas!