O Centro acolle ata o próximo día 28, un curso de voluntariado ambiental no que participan alumnos/as do Instituto de Educación Secundaria “O Castro”  de Vigo. Durante catro xornadas, este grupo de mozos/as adquirirán unha visión integral da problemática ecosocial, capacitándoos para abordala e actuar dende dous eixes: que poden facer cada un deles, e como poden incidir na sociedade, utilizando sempre o papel do voluntariado como motor de cambio.

Os principais obxectivos do curso son fomentar nos/as participantes o traballo en equipo, inculcando valores de solidariedade, participación, convivencia, tolerancia, etc., así como facelos conscientes das problemáticas ambientais e da necesidade de conservación, fortalecendo ou creando neles unha conciencia ambiental.

Entre as numerosas actividades que se van a levar a cabo durante estes días, destacan a visita etnográfica que realizarán hoxe pola tarde ao pobo de Arnuide, na que a propia xente do lugar será a que faga de guía, e onde ademais os/as participantes realizarán un traballo de voluntariado no muíño comunal.

Así mesmo, mañá xoves, os/as mozos/as desprazaranse ata o colexio de Vilar de Barrio para instalar neste centro o composteiro que previamente realizaron en As Corcerizas, explicando aos nenos e nenas como utilizalo, e os beneficios que ten para reducir o volume de residuos orgánicos.

O papel da educación ambiental con voluntariado é considerado por Amigos da Terra, como un proceso fundamental para activar unha sociedade necesitada de permanente reflexión sobre os obxectivos que persegue, a sustentabilidade das estratexias que emprega para conseguilos, e da equidade do reparto e uso dos recursos.