A finais do pasado mes de agosto tivo lugar o campo de traballo sobre bioconstrución e autoconstrución, un espazo, no que ademais de coñecer novas técnicas e compartir experiencias, levamos á práctica os novos coñecementos adquiridos coa colaboración de diferentes expertos na materia.

Foron dez días nos que máis dunha treintena de persoas de idades e profesións moi dispares, unímonos desde diferentes puntos do estado español para compartir outros modelos de desenvolvemento máis respectuosos co noso medio.

Aplicamos aceites e pinturas naturais, vexetais, a base de silicatos e de cal, empregando novas técnicas guiadas por Alexandre Domínguez, “O pintor de Quins”, pintor profesional e experto na utilización destes materiais.

Revocamos unha fachada con barro baixo a dirección de Guido Tomasini, artesano e bioconstructor; e tamén empregamos o barro sobre balas de palla, nun pequeno exemplo que iniciamos, con membros da Rede de Balas de Palla, de construción dunha parede autoportante.

Comezamos coa rehabilitación da parede norte do comedor, con traballos de impermeabilización da parte exterior e revocos con masa de cal hidráulica e aérea. Puidemos facer unha análise de problemas e posibles solucións que nos atopamos tamén na construción ecolóxica, asesoradas por Ana e Iñaki, do estudio Mendizábal e Recuna, que deseñaron As Corcerizas. E por Juan Abia, experto bioconstrutor que ademais nos proporcionou unha importante base teórica.

Ademais, fixemos outras tarefas de acondicionamento do entorno forestal e de infraestructuras, obradoiros, e disfrutamos da serra e os pobos de arredores.

Como mostra doutras iniciativas sostibles, contamos cunha mesa de experiencias de autoconstrución, aportando novas ideas e posibilidades para facernos máis autosuficientes e seguir apostando por un consumo máis responsable.