Do 3 ao 10 de xullo tivo lugar no Centro o Seminario de cambio climático “Tecendo redes para o cambio” no que participaron compañeiros/as de Bélxica, Madrid, Reino Unido, Galicia e a asociación Oïkos de Francia.
Unha experiencia intensiva pero moi enriquecedora para todos/as os/as asistentes, no que puidemos compartir experiencias, metodoloxías e proxectos con compañeiros doutros países e que nos serviu para reflexionar sobre como facer fronte a un sistema que amplía as desigualdades sociais e destrúe o noso medio ambiente.

Para abordar esta ampla temática tiveron lugar distintas actividades, charlas e debates sobre consumo responsable, permacultura, decrecimiento económico, bioconstrución, métodos para xestionar os nosos residuos e incluso unha velada de astronomía, onde comprobamos o insignificante que é o ser humano pero o gran dano que estamos a facer ao noso planeta.


Todo isto nun lugar cuxa divisa é a coherencia. Un equipamento en total congruencia co medio, un exemplo de xestión enerxética sostible, e no que a alimentación ecolóxica local e o comercio xusto están sempre presentes.

“Tecendo redes para o cambio” converteuse nun espazo de intercambio no que se asentaron unhas bases sólidas para futuras colaboracións entre os países implicados e, deste xeito, identificar alternativas de redución da pegada de carbono e accións prácticas sobre o terreo para cada un dos temas tratados.