Amigos da Terra participará mañá xoves no “III Congreso de Agroecoloxía e Agricultura Ecolóxica en Galiza”, organizado por el Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía da Universidade de Vigo do 24 ao 26 de xuño. Nesta ocasión, participaremos na sesión 3, aula 8, presentando As Corcerizas como un exemplo práctico de xestión enerxética sostible e en total coherencia co medio.

A dimensión ecolóxica, técnica, socioeconómica e cultural que abarca a agroecoloxía vese contemplada de igual xeito no proxecto de As Corcerizas; empregando esta coherencia e perspectiva integral como recurso educativo de alto valor, capaz de transmitir unha visión crítica da nosa relación co medio, e aportar alternativas prácticas para unha relación de respecto co mesmo.

O obxectivo xeral deste congreso é debater sobre o papel primordial da agricultura ecolóxica como motor transformador do mundo rural, afastándoo das tendencias do abandono e definindo os problemas e as alternativas, co obxectivo de tecer novas redes que permitan avanzar no camiño da soberanía alimentaria.

O congreso levarase a cabo no Campus Universitario Lagoas- Marcosende, edificio Miralles, en Vigo.