Co motivo da celebración do Día das Letras Galegas, o día 16 de maio Amigos da Terra convida a todas as persoas a pasar unha xornada en As Corcerizas, onde se mesturará cultura, tradicións e natureza, todo elo recuberto co fío musical popular galego.

O coñecemento ambiental e cultural do noso entorno forman parte do patrimonio, e tamén da nosa identidade, que temos o reto de conservar.

A proximidade de As Corcerizas con varios pobos típicos da montaña galega e outros elementos patrimoniais singulares, brinda a oportunidade de visitar, logo dunha andaina pola serra, o pobo de Rebordechao. Alí o roteiro ambiental dará o protagonismo á etnografía, coñecendo os muíños de auga, fornos comunais ou pobos abandonados, descubrindo os oficios, arquitectura tradicional, lendas, tradicións e costumes a día de hoxe vixentes.

Como colofón da xornada e como en toda celebración que se precie, haberá un serán popular, onde nos reuniremos para intercambiar experiencias, coñecementos, etc., todo elo acompañado cunha foliada a cargo dos Serandeiros de Boborás, onde as cantigas da musica tradicional galega e os sons das gaitas e pandeiretas nos farán bailar, rir e desfrutar dun momento especial.

Se ademais queredes aproveitar un día máis na Serra San Mamede, Amigos da Terra, ofrece servizo de albergue o domingo pola noite; unha boa opción que vos ofertamos, é saír desde As Corcerizas o luns á mañá, cara a Romaría Raigame en Vilanova dos Infantes (Celanova) e rematar de celebrar o Día das Letras Galegas nunha festa de época.

Esta actividade está incluída no programa Maio Xove 2010, subvencionada pola Casa da Xuventude de Ourense.

Horarios:
·    16 de maio con inicio da xornada ás 11:00 da mañá.

Inscricións:

·    Nº de prazas limitadas por orde de inscrición.
·    Data límite: 14 de maio

Información e Reservas:
·    Tlf. 988 374 318

·    info@ascorcerizas.com

Related Images: