Medios de comunicación e ONGD´s en As Corcerizas

Esta fin de semana levamos a cabo no centro o Curso-práctico de Comunicación e Cooperación ao Desenvolvemento, un primeiro espazo de achegamento entre profesionais de medios de comunicación (prensa, radio e televisión) e membros/as de ONGD´s. Curso, que podemos cualificar de grande éxito, tanto polo número de participantes, como polos interesantes debates que se xeraron nas mesas.
As ONGD´s e os medios de comunicación pertencemos a sectores moi distintos, pero tal e como puidemos comprobar no curso, ámbolos dous temos inquedanzas comúns e o reto de darlle unha verdadeira difusión ao traballo en desenvolvemento que fan moitas asociacións, e que moitas veces non se coñece.
Ademais, tivemos a oportunidade de mostrar a experiencia do proxecto de colaboración posto en marcha entre Amigos da Terra e a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO), para visibilizar o traballo que estamos a desenvolver no Golfo de Fonseca. Un exemplo práctico de como a colaboración entre medios e ONGD´s é posible e efectiva.
Por outra banda, os/as participantes realizaron unha visita guiada polo equipamento e coñeceron o proxecto educativo que desenvolve Amigos da Terra en As Corcerizas, comprobando o bo funcionamento das enerxías renovables e coñecendo alternativas viables para unha vida cotiá máis sostible.












about 3 years ago
Gostaríame agradecerlles a Amigos da Terra e a Agareso o ter organizado e facilitado un curso, que en tan curto tempo nos aportou tantos coñecementos. E tambén, darlle as gracias os outros participantes polas as suas aportacións nos debates e diante do prato, por certo, felicitacións os cociñeiros, a comida estaba boísima!
Foi moi gratificante descubrir como os medios de comunicación están incorporando políticas de Responsabilidade Social Corporativa a través do traballo que algúns xornalistas están a facer na difusión- entre outras muitas cousas- dos proxectos de actuación das ONG´s. Por outro bando, entendín que é recomendable que eu facilite a información aos xornalistas, e dado que a aparición nos medios de comunicación do meu traballo en cooperación facilitaría enormemente a concienciación da sociedade occidental sobre a problemática mundial e axudaría a unir esforzos, entón haberá que aprender a facer NOTAS DE PRENSA!
Unha aperta,
Paula
about 3 years ago
Unha fin de semana moi frutífera na que espero se sentaran as bases de futuras colaboracións e sinerxías entre dous sectores que deben ser complementarios. As ONGD’s deben “facer uso” (hehehe, é unha expresión claro está) de nós os xornalistas para visibilizar o seu traballo e consecuentemente sensibilizar a sociedade; e nós debemos traballar coas ONGD’s para continuar formándonos de xeito que transmitamos a vosa información do xeito máis adecuado eficaz e, por suposto, veraz. Desde Agareso queremos facer un bo traballo e para iso situamos a colaboración como un alicerce prioritario no noso labor, co traballo en común todos os proxectos serán mais enriquecedores. Este foi un primeiro paso que estou segura terá continuación nunha desexable segunda edición. Grazas a todos polo debate que se xerou, polas fantásticas instalacións de Amigos da Terra e…. ata pronto!
about 3 years ago
Foi un encontro interesante e fructifero. Conviviron dous sectores chamados a compartir experiencias e coñecementos. Dous mundos chamados a entenderse polo beneficio colectivo.
Agardo que os resultados permitan xa pensar nunha segunda edición, promovida por Amigos da Terra e Agareso…
Un saudo a todos/as
about 3 years ago
Pareceume unha fin de semana moi enriquecedora e un espazo participativo onde se deu a oportunidade de empatizar e comprender as dificultades que tamén se atopan os medios de comunicación, aínda que en moitos casos teñamos visións bastante diferentes.
Gracias a todos/as pola participación e o interese posto para seguir colaborando e mellorando o traballo en rede!