Do 11 ao 13 de setembro celebráronse en As Corcerizas as “I Xornadas de Autoformación Feminista”, uns días de convivencia e de relaxación en plena Serra de San Mamede.

Aquí tedes as impresións sobre todo o acontecido nesa fin de semana, narradas por unha das participantes.

“Coa vontade de achegarnos ao feminismo, consolidar coñecementos, rexenerármonos e compartir experiencias e convivencia, convocóusenos a un grupo de mulleres, de distintas partes da Galiza, con distintas ocupacións, formación e percorridos vitais pero coas mesmas ganas de disfrutar e aprender todas de todas.


No albergue das Corcerizas atopamos un espazo no que aprendemos (da man Analía, Amiga da Terra) unha forma de asentamento alternativa, respectuosa co medio ambiente e que optimiza os recursos naturais e promove o aforro enerxético. Na nosa fin de semana alí participamos en obradoiros organizados polas compañeiras, compartimos as tarefas e responsabilidades derivadas da nosa estancia e tivemos tempo para debates informais e incluso disfrutar dunha pequena camiñada pola serra.

As actividades

Da man de Pepa organizouse un obradoiro que abriu as portas a falar de cales pensamos que terían que ser os obxectivos dunha organización feminista e como terían que organizarse, divididas en dous grupos e a partir de dous textos con perspectivas distintas o debate levounos de maneira sorprendente a confluír e falar de temas comúns.

As dinámicas de comezo e fin dos obradoiros, animadas por Lidia, Pepa e Meri, puxéronnos en cada momento no ánimo idóneo para acercarnos o seguinte encontro da xornada. Para animarnos e activarnos, para relaxarnos, para aumentar a nosa confianza en nós mesmas e nas compañeiras.

Mariola fíxonos ver co seu seminario de fotografía como é posible, tendo como útiles o pensamento e a experimentación, facer fotografías por nós que digan as cousas que queremos dicir e aprender a ler os significados nas imaxes que se mostran o noso redor.

Paz falounos de tres cousas importantes que teñen que existir entre as compañeiras de organizacións: a Comunicación, a Confianza e a Colaboración e nos achegou a elas mediante xogos.